Friday 17 de May de 2024

Redrum chega mañá ao teatr Rosalía da man da Rede Galega de Teatros e Auditorios pola que a Xunta confinancia 18 funcións na Coruña ata final de ano


— A compañía compostelá ofrecerá dous pases de ‘Hamelin’ dentro da carteleira semestral deste circuíto de espectáculos xestionado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto cos 40 concellos adheridos

— Formacións como Sarabela Teatro, Os Monicreques de Kukas, Ghazafelhos e artistas como Roi Borrallas, Iria Pinheiro ou Diego Anido actuarán no escenario da rúa Rego da Auga e no Fórum Metropolitano

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de espectáculos xestionado pola Xunta en colaboración con 40 entidades locais adheridas, contribuirá con 18 funcións escénicas á oferta cultural da cidade da Coruña ata final de ano. No marco desta carteleira semestral, o Teatro Rosalía Castro recibe mañá venres 29 e o sábado 30, ás 20,30 h., a compañía galega Redrum Teatro co seu espectáculo Hamelin.
A montaxe, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través das axudas á creación escénica, parte do texto de Juan Mayorga, adaptado e dirixido por Alex Sampayo, e conta no seu elenco con Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Laura Míguez, Roberto Leal, Victoria Pérez, Fran Lareu e Rubén Porto.
Tras o paso de Redrum, o Teatro Rosalía ofrecerá outras dúas propostas programadas ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A primeira delas será Arraianos, libro de relatos de Méndez Ferrín que Sarabela Teatro leva a escena baixo a dirección de Ánxeles Cuña. A peza, interpretada por Fernando Dacosta, Fina Calleja, Elena Seijo, Sabela Gago, Fran Lareu, Fernando González e Vadim Youknevich, chegará á Coruña o 6 e o 7 de outubro.
Xa en decembro, o sábado 2 será a quenda de Laboratorio Escénico, colectivo artístico que representará a peza de danza Blues de medianoche, dirixida e interpretada por Alba Fernández.
Bonecos, circo e maxia
O Fórum Metropolitano, o segundo recinto herculino adherido á Rede Galega de Teatros e Auditorios, iniciou a comezos de setembro o seu ciclo ForuMáxico. Dentro deste programa, no que xa actuaron ilusionistas como Dani Polo ou Joshua Kennet, o grupo Magia en la Manga presentará este sábado ás 19,00 h. a obra Maxia, misterios e outras historias.
A programación do Fórum no marco do circuíto autonómico proseguirá o 6 de outubro con Mentres dure a canción, de Producións Dispersas, e o venres 13 con Miss Espanha, peza dirixida por Vanesa Sotelo na que a actriz Iria Pinheiro pon o foco sobre Emilia Docet, gañadora do certame de beleza en 1933 e coñecida como a Miss España Galeguista.
O clown, o circo, os monicreques e o teatro xestual protagonizarán as seguintes citas da man de Roi Borrallas e o seu espectáculo Solo o 14 de outubro e de Markeliñe con Mamut o día 28. O 4 de novembro Os Monicreques de Kukas levará a escena a obra Viva Vivaldi, coa que conmemora o terceiro centenario da composición de As catro estacións, e o sábado 11 PistaCatro representará La punta de mi nariz.
En novembro subiranse a este escenario Diego Anido con O deus do pop o día 1 e Pérez&Fernández con Os nenos da varíola o día 24, mentres que Ghazafelhos pechará o 2 de decembro o cartel da Rede Galega de Teatos e Auditorios no Fórum con Ninja.
Área metropolitana
Ademais, a Rede Galega de Teatros e Auditorios programa este semestre outras 12 funcións en catro concellos da área coruñesa. Así, en Betanzos estase a contribuír dende xullo con cinco funcións. As próximas citas serán Hasta que la muerte nos separe, de Inconstantes Teatro, o 28 de outubro; Arraianos, de Sarabela, o 11 de novembro; O péndulo, de Inversa Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego, o 18 denovembro, e Ragazzo, de Barrosanta, o 2 de decembro.
Arteixo, que celebrou no verán unha primeira cita con Colectivo Glovo, recibirá a Roi Borrallas o 13 de outubro con Solo, e o 17 de novembro a Talía Teatro coa montaxe Unha inimiga do pobo, que tamén se poderá ver o 11 dese mes en Oleiros. Este municipio coruñés conta con outras dúas funcións dentro da Rede no mes de novembro: Hamelin, de Redrum, o día 4, e O refuxiado, Sracciatella Teatro, o 25.
Por último, Sada acollera o espectáculo Viva Vivaldi de Os Monicreques de Kukas o 8 de decembro na Casa da Cultura Pintor Lloréns.